viernes, 17 de junio de 2011

A UNHA SEMANA DO EUROPEO

Ola amig@s!

Ía facer unha publicación no blog contando o día de hoxe coa recollida do tandem para o europeo e mais cos metros de natación, poucos pero productivos, e a clase de aprender a quita-lo neopreno pero... vou escribir que hoxe estou inspirada (deben ser os apuntes de anatomía que me motivan!).

Hoxe estiven parte da mañá no CGTD ese lugar que foi a miña 2º casa durante máis de dous anos e do que gardo unha gran cantidade de marabillosas lembranzas, moitos coñecidos e algúns amig@s... Pontevedra, sempre o dixen, para min ten un significado especial: foi a miña primeira cidade unviersitaria, o cole da ONCE, a xente que alí teño... Nesa pista de atletismo onde rematará a carreira do europeo de paratriatlón e mais no paseo que vai paralelo ó río Lérez... cantas mañás e tardes teño pasado adestrando, con sol, con chuvia, con vento, sola ou con compañía...

Un día marchei de alí para a casa, decidida 100% de que non quería seguir no atletismo, de que non quería voltar a competir, de que estaba farta de tantas historias, de tanto "amigo de", da que se afasta do chamado xogo limpo... E 3 anos despois, con un e medio de case absoluto parón deportivo, volto a esas rúas, a esa pista, ó Campus da universidade...

Nesta ocasión volto como participante (o ano pasado estiven como fisioterapeuta coordiandora)... Chámase Campionato de Europa de Triatlón, nas súas diferentes categorías pero para todos un deporte que xunta tres modalidades e que é unha pasada. Volto co único obxectivo de disfrutar: será o meu primeiro europeo, o meu primeiro triatlón en distancia sprint... e quero que sexa eso, unha carreira máis para aprender.

Nunca tería imaxinado que a miña seguinte carreira na cidade do Lérez sería esa... Ata eu estou sorprendida, como o está moita xente... Intriga de ver á velocista albina nadando 750m, facendo 20km de ciclismo e correndo 5km... Pois o día 25 oportunidade de velo.

Dende logo a adaptación ó novo deporte non ten nada de fácil porque é totalmente distinto ó que facía... 100 e 200m lisos... triatlón!!!!!

55 paratriatletas en 6 categorías masculinas e 3 femininas, parece que ás rapazas nos sigue custando aparecer por este tipo de acontecementos deportivos... espero que co tempo vaiamos a máis. Obviamente non somos triatlétas élite, poucos de nós "viven" de esto, case non temos patrociandores e o acudir a este tipo de competicións se convierte no "turismo" no que invertimos parte dos cartos que gañamos co noso traballo, ou os que somos estudiantes os do noso aniversario, os Reis, papá Noel e quizás algunha pequena beca que con sorte podemos optar a ela.

Na miña categoría somos poucas rapazas e no medio Joleen Hakker, holandesa Campiona do Mundo e Paralímpica de Ciclismo en tandem, Sara Buttler inglesa que para min é favorita e Charlotte Ellis, outra de Gran Bretaña Campiona do Mundo do ano pasado. Eu... unha aprendiz, Alba Cuba triatleta experimentada será de novo a miña guía.

O soño dos Xogos Paralímpicos quedou neso... nun soño. O Campionato de Europa de Triatlón de Pontevedra está a unha semana de ser algo máis que aquelo e convertirse en realidade... Estou nerviosa, intrigada, ilusionada, cun pouco de "medo"... pero pódovos asegurar que aínda que sei que o teño moi pero que moi complicado teño ganas de correlo.

Ademais papá, mamá, miña irmá, algún primo e uns cantos amigos estarán esta vez en directo... GO RODRÍGUEZ-CUBA TEAM! Gracias a tod@s os que estades con nós!!!

Un bico

Susi




No hay comentarios:

Publicar un comentario