viernes, 28 de octubre de 2011

RECOÑECEMENTO DA USC TRAS A VICTORIA NO CTO DO MUNDO DE PARADUATLÓN

O pasado martes 25 de Outubro de 2011 o profesor Juan Gestal, decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela xunto cos vicedecanos profesor Carreira e protesor Arce e o secretario Luis Lima, fixéronme unha recepción en recoñecemento á victoria no Cto do Mundo de paraduatlón do pasado mes de Setembro.

A verdade é que para min é toda unha honra que dende a Facultade e a universidade na que realizo o 3º curso de Licenciatura en Medicina se lembrasen de min nesta ocasión e dende aquí tódolos meus agradecementos.

O Sr Decano, como se ve na imaxe, fíxome entrega dun libro sobre termalismo en Galicia e Norte de Portugal que aínda non tiven tempo de ler (fareino máis adiante de seguro) cunha dedicatoria nunha das primeiras páxinas asinada polos 4 asistentes ó acto.

A noticia apareceu no xornal electrónico da universidade así como na Voz de Galicia e no Correo Gallego e moita xente foi a que nestes 2 últimos días me felicitou polo acadado: na facultade, na piscina, xente da residencia de estudiantes onde estiven os dous cursos anteriores, compañeiros de clase, profesores, algunha que outra persoa anónima onte á noite na festa de Halloween a pesar de que eu ia bastante transformada co disfraz e mesmo na rúa.

A verdade que a pesar do que poida parecer son unha rapaza un pouco tímida, aínda que me gusta moito falar... Así que dende aquí gracias a todos.

Espero que o asunto de "ser un exemplo" sirva para animar a calquer compañeir@ en facer aquelas cousas que lle gustan e loitar polos seus soños, porque todos non, pero algúns si que se poden tornar realidade.

Un dos meus soños era voltar a ser Campiona do Mundo despois de tantas e varias dificultades nos últimos anos... Agora xa é verdade, e ¿por que non tratar de repetilo?

Certo é que son moitas horas de esforzo adicadas a unha meta que a veces se pode acadar e outras non. Moitas tardes saímos de clase e @s amig@s van tomar un café a algún dos moitos e marabillosos lugares que ofrece esta cidade... eu vou adestrar.

Nun adestramento as cousas non son sempre sinxelas porque dunha banda está o esforzo físico que ás veces é bastante considerable (hoxe por exemplo sufrín bastante facendo unhas series) e doutra un día longo que queda atrás (ter clase de tarde está moi ben pero no momento de tirarse á piscina ou subirse ó rodillo deixa pegada).

Unha xornalista de "El Progreso", periódico editado en Lugo e do que meu avó foi suscritor ó longo de 50 anos, chamoume o outro día para facerme unha reportaxe que penso que sairá esta fin de semana e que será interesante. Mar Martínez, autora do mesmo, conversou comigo durante uns 45 minutos e se interesou non só polo deporte senón por varios dos aspectos que poden influir no día a día dunha paratriatleta estudiante.

E agora un pouco desta semana que logo remata... Tiven a 1º práctica no hospital que nesta ocasión foi de Radioloxía. Gustoume moito porque vin unha chea de imaxes diferentes de patoloxías distintas, gustoume porque me decatei de que hai moitísimas cousas por aprender e gustoume tamén porque tódalas cousas que o profesor que nos explicou ía sinalando na pantalla podía distinguilas sen problemas vendoas co telescopio. Parecerá unha tontería, pero para min foi un día importante porque sempre é positivo ir vendo cousas que sí podes facer.

Onte tivemos a festa de halloween de Medicina que celebraban os compañeir@s de paso de Ecuador. Fun disfrazada de Zombi cun disfraz moi traballado feito íntegramente por Lucía a miña compañeira de piso. Espero subir algunha foto próximamente deste "evento social" que estivo realmente divertido. O peor foi chegar á casa e ter que quitar todo o tinte vermello do pelo, a laca, as pinturas da cara... mereceu a pena.

As clases continúan sendo interesantes, todas. Algo que me está a sorprender é Patoloxía Xeral. Esta materia a imaxinaba eu diferente, creo que como o que son as "médicas 1 2 e 3" do 2º ciclo pero en versión máis light; pero é distinto. Pato é coma unha base fundamental do que ven despois, creo que desaparecer esta materia como tal nun plan de estudios (Bolonia) non é moi acertado. Sorte que temos de poder disfrutar dela.

Adestrando estoume atopando ben, quizás mellor do agardado para estas alturas de tempada. Pouco a pouco hai que ir poñéndose forte. De feito hoxe sorprendinme a min mesma coas series de natación e onte coa carreira a pé...

Bueno, esto xa se pasa de longo e van sendo horas de ir quitar a roupa da lavadora (coa que tiven antes un pequeno altercado) e marchar para cama porque ás 8.30 nos agarda a microbioloxía... e co netbook totalmente estropeado :(

Bicos

Susi







No hay comentarios:

Publicar un comentario